domingo, 24 de abril de 2016

Manuel María

Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, destacado polo seu carácter combativo e mais polo seu compromiso político.
Entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía. Dedícaselle o Día das Letras Galegas de 2016.
Manuel María, fillo de dous labregos acomodados, Antonio Fernández Núñez, que foi alcalde de Outeiro de Rei, e Pastora Teixeiro Casanova, da parroquia de San Mamede dos Anxos (Lugo). Estudou as primeiras letras na súa vila co mestre Domingo Cabana e en Rábade con Bautista Núñez Varela, quen o iniciou na literatura galega da man das antoloxías de Uxío Carré Aldao e Álvaro das Casas. Completou as súas lecturas iniciais cos libros do seu pai e do seu tío, o sacerdote Xosé Fernández, párroco de San Froilán. En 1942 trasladouse a Lugo para estudar o bacharelato nos Maristas, grazas a que o seu tío se fixo cargo dos custos. Alí foi alumno de Lázaro Montero. Nos veráns ía en xullo co crego até Cespón (Boiro) para axudalo como sancristán, e alí coñeceu as irmás de Castelao. O mes de agosto pasábao na casa familiar, onde coñeceu o xornaleiro Manuel de Paderna que lle aprendeu a compoñer versos.

Resultado de imagen de galipedia manuel maria

Ningún comentario:

Publicar un comentario